Publicidadspot_img
-Publicidad-spot_img

INTERNA

Son as que atravesan a chuvia
as que atravesan as árbores e
levan consigo a luz no interior

pedras de sal sobre os ollos
elas

na cartilaxe coma nos ósos
médralles
eternidade de unllas quebradas
de xornadas de traballo
que se gravaron no esqueleto
con navalla ou médralles
a brasa e así poden verse
as ascuas no rostro
faces abrasadas

Son as que asubían dígovos
coas lobas coas fillas das lobas
despréndense da vellez e brotan
e os seus pasos achéganse e
os seus pasos ferven

fan ferver
ferven porque traen o amor
e a sombra

Veñen cun quinqué no aire
das mans, queiman camiños
tras o seu
paso calmo de ciclón
de días cosidos na pel

Son os corpos espidos de
crepúsculo corpos de lava
tempo de peixe
de nai
sal sobre os ollos
elas que son
a ollada cega, salificada

E veñen
cun quinqué no aire
guían cabalos de sombra bestas
eguas que perderon a lingua arden

sen lingua femias
damas do bosque prenden
o seu soño
sobre a mirada de sal
Veñen traen unha infancia
unha floración lacerada
unha idea escura trénzase
un pensamento amarelo

escoito
insectos veñen a este
erro de vértebras esgazadas
larvas parasitos
corazón de parasitos
medran

neste lugar do equívoco
territorio partido por arestas

corazón de parasitos

Houbo cinsas houbo olor
a rosa arrasada, aroma a memoria
de río branco ou auga sumida
na xordeira, río das pedras
do que xa non temos
nas mans

Houbo
perfume de terra entre a pel
e a carne
entre os dentes
e a carne

O olor da herba seca de mil
desertos arrasados en po
fóra das areas
fóra do seu mesmo
pulmón de páramo

desertos despoxados

Houbo
unha ollada de desertos

Ante min ese sabor do aire non tivo
consenso non tivo
organización das cousas e
estamos no lugar en que
tropezan os animais de fronte
coa ferida
sen descanso, están as espiñas
lambendo eses corpos
é a espiña diante dos meus ollos
do outro lado son
as formigas sobre os corpos
das fillas
diría que son formigas
ou as moscas ovando sobre
a infancia

Érguense
as que viñeron con pantallas negras
sobre unha cidade espida de tacto
sobre círculos de lúa asubían
melodía das mortes

Concibo despedidas que caen
que se precipitan
hai unha matriz moura
unhas mans esgotadas
ideo unha despedida que se nos
desprende do corpo así
tamén a duna que se desfai
na onda de alento
con este sopro das que viñeron
con pantallas de loito
na larinxe

O punto da flor, ese nó de vida
sobre o que se produce
unha xema de cor e pétalos

Nervio de vida ábrese
quere abrirse e sosterse
ela é quen nos fala
tatexa farfalla tenta erguerse:
unha chaga de luz

A que camiña baixo a auga, eu
nos fondos caudais do deserto
do cerebro
desta casa

Ninguén pode encarnar a música
ese ritmo larínxeo do seu propio
organismo
nin tampouco
a mirada dunha nai
bosque inmenso que non pode
ser atinxido

pero eu
traspasei hospitais e mármore
a cinsa dos ríos
son a que chega coma neves lentas
e traio
a festa do novo mundo
roto

Nunha casa entregada ao baleiro
nun fogar desposuído
desenvólvese o olor
prodúcese
a morada dunha familia
o corazón dunha estirpe
sen alento
prodúcese a súa sombra:
o olor da familia

choven dagas sobre os meus tendóns
que son os ligamentos da familia
soño e orballa

sobre a pel, o ácido consanguíneo
xa se foron as lanternas
ou acumulan
liques ferruxe sobre o foco
que alumea este, o encontro
arredor dunha casa caída
chea de paxaros
defendida do mundo polo vento

muros de brisa cando a memoria

acolle lembranzas e abrigo
muros de vendaval cando hai
ortigas poboando o pensamento

E o mundo
defendido da casa polo mundo
dos vivos
pola néboa que é fronteira
e non vén ninguén
e non vén ninguén
e non acadaron este lado
as pombas da casa máis ca
nunha ocasión mortas
Cristais ou algunhas pingas
poden atravesar os límites e
na penumbra desfanse

Nós alí a nosa caste
a nosa aparición feble
as hélices
os brazos de todos nós
abertos e erguidos

sobre as extremidades choven
gumes de navalla
gumes de amenceres escuros

arestas de albas nazarenas
caen

Más del autor