Publicidadspot_img
-Publicidad-spot_img
Frontera DigitalEscuros baixo a solitaria noite. O tempo de Compostela

Escuros baixo a solitaria noite. O tempo de Compostela

 

Poñerme a escribir de novo, non sei se conto con azos, se debería deixalo. Síntome esfolado. Teño a sensación de que xa o dixen todo…, ou o que realmente era importante. Aínda que, talvez, non debería exercer de oráculo, porque é imposible dicilo todo. Dicilo doutra maneira quizais, ou dunha forma máis precisa, máis axustada. Son suxestións dunha escritora que non deixa de marabillarme, Chantal Maillard, e dun non menos admirado Fernández Mallo. Sempre permanece a sombra, escribiu ela, e Agustín escribiu que todo está escrito, e que o que chamamos escribir non é outra cousa que ir quitándolle palabras ao texto. Mais a foto estaba aí, enchendo a pantalla do móbil, coma un imán que me impulsaba a facelo. Non deixo de enxergala, podería dicir que obsesivamente, unha e outra vez, desde que a recibín hai uns días. Enviouna Santi, un amigo xubilado que agora se entretén escaneando fotos sen medir os efectos que poden causar en quen as recibe. Repaso detalles que me conmoven e, ao mesmo, tempo enérvame non aparecer. Por que eu non estou nesa imaxe? Como se aí, na representación das catro figuras, se condensase unha parte da miña vida que non foi, que non existiu. Ou que foi a medias, como tantas outras cousas nas que me enredei ao longo dos anos. Non paro de darlle voltas, xa me sucedeu outras veces con outras fotos nas que me vin envolto, aínda permanecendo en discretos segundos planos. Instantes, momentos, circunstancias. As fotos, malditas sexan. Estóupame a cabeza, todo se complica. Estes días, nos que reapareceron as vertixes, son un tormento e non deixo de pensar no abatemento que me consume, esa preguiza que me domea e paraliza cada vez que constato como a realidade se vai cubrindo dun manto gris que imita a cor de calquera amañecer anubrado. Barreno se meus estados de ánimo e as vertixes estarán relacionados, se con outra disposición a ser optimista desaparecerían. Non creo. Os oídos, os condenados oídos, cos seus zunidos e ese baleiro de gruta abismal, un túnel que comunica o equilibrio co benestar. Móvome e tropezo, abaneo, vacilo. Temo que vou caer, apóiome agarrando coa man o bordo da mesa. Sento na butaca.

Leo a data probable da foto: Compostela, 1977. Coido que está errada. Diría que é anterior, probablemente un ano. É certo que despois de tanto tempo, un ano arriba un ano abaixo, a quen lle pode importar. A min, decido. Cambio de postura, estrico as pernas e arfo. Actualizo o incuestionable: Franco, o ditador –e resalto o epítome para quen o personaxe poida ficar brumoso ou arrombado– espicha en novembro do 75. De madrugada oímos a noticia na radio, bendito amañecer aquel. Nós cambiarámonos de casa, nesa época estamos vivindo nunha das arterias da zona monumental da cidade, na rúa Caldeirería. Nun primeiro andar dun edificio a destempo do seu estilo, eclecticamente modernista. Non pagamos aluguer porque a casa é da nosa nai, que daquela era unha muller máis nova do que eu son agora. Ela sobrevivía nunha pequena vila costeira da que aínda non falarei. Habitando unha antiga salga encalada de branco, inmaculada e rechamante, na que recibe as visitas das fadas. Á de Santiago alcuñámola como a casa verde. Alguén, non lembro quen, pode ser que Salva, andaba lendo eses días unha novela con ese título. O cuarto que facía de salón posuía dous sofás, catro ou cinco cadeiras e unha mesa de comedor que utilizabamos para estudar. Esa sala daba acceso a un balcón a través de dúas portas con cristaleira. Nese estreito espazo, poeticamente pendurados do baleiro baixo as estrelas, bicámonos unha noite até saciarnos Arzúa e mais eu. Antes estiveramos memorizando durante horas uns apuntes de Lingüística, despois fómonos deitar a outro cuarto, noutro andar. De amañecida acompañeina á casa, volvémonos bicar no portal, con máis paixón aínda. Supoño que era unha época na que pecabamos dun romanticismo atroz. Teño algunha foto con Arzúa dese ano, non moitas, un par delas: na casa e a bañarnos no Castro de Baroña. Tomabamos o sol e metiámonos na auga como nos pariran as nosas nais, pero nas fotos aparecemos vestidos e sorrimos, lixeiramente entalados, a medio camiño entre o obxectivo e un amarelento fondo de milleirais segados con palleiros en derrube. A amarela, eu tampouco o sabía, é a cor da distancia. Temos aspecto de perseguidos en captura, un final de escapada. Fotos, fotos e máis fotos. Amoreadas en caixas. A maioría testemuñas de onde andabamos e o que faciamos. Gustábanos saír fóra da cidade, resultaban reconfortantes aquelas excursións. Non é que fixeramos nada especial, só nos deixabamos ir, creo que por iso pagaban a pena. Estabamos deixando de ser un significado, disolvéndonos en ácidas realidades transparentes. Curso de Lingüística Xeral, Ferdinand de Saussure. Ese era o libro que machucabamos. Significado, significante, texto e contexto. Non hai contexto sen texto era unha das nosas proclamas preferidas. Nós en tránsito. No ano 76, en outubro, co curso comezado, fiquei só na casa. Naquela altura, dos que aparecen na foto, soamente coñecía a un, a Santi. Era da mesma vila onde vivían os meus pais, onde eu nacera, ademais compartiramos cursos nun internado relixioso, en diferentes aulas, porque Santi é un par de anos máis novo ca min. Un internado cadea, cruel até a maldade, de abusos e humillacións, rexentado por frades Paúles. Un horror con vocación de estilo a campo de concentración. Unha historia absurda a deses sitios que causaron tanto dano. Dicir que nunca deberon ter existido é unha constatación frustrante se temos en conta os tempos nos que floreceron; insistir no terror, polo tanto, é unha simpleza, mais a min aquélame testemuñalo.

Eu chegara a Compostela no ano 74, matriculado nunha carreira  que me provocou fastío e unha considerable distancia co que meu pai denominaba mundo académico. Non demorei en mudala polo que pomposamente bautizaran como Ciencias da Educación, e, sobre todo, por seminarios de debate que todos os seráns acababan por xuntarnos, aos que non tiñamos nada que perder, no bar de Filosofía. Aloxárame nun colexio maior, nunha pensión e agora dispuña dunha casa para min só. Nin por asomo entrara na miña cobiza tal cousa. Soñaba con enchela de libros. Ata rematar a carreira de medicina compartina co meu irmá, quen marchou a exercer de curador, o moi valente, a unha mínima illa no interior dunha ría á que había que chegar en barco. Case nada. Coma un Ulises con trenca e botas de auga de regreso a unha Ítaca rodeada de bateas, vamos. Agora que o penso meu irmá tiña certo parecido co navegante que soñara ser Cunqueiro. Era louro, alto, forte e atractivo. Mais, nin con esas, acadaba a altura dos nocellos do pai que nos tocara en banda, el si que posuía feituras de espartano. Sen dúbida atesouraba os atributos físicos dun heroe, ademais de ser bondadoso, colérico e ecuánime cando era preciso. Todo isto forma parte da xénese da foto. Cismo con que cámara se faría e que sería dela. Por suposto, trátase dunha pregunta retórica, porque non puido ser outra cá réflex de Tomás. Unha rareza que un estudante de Historia posuíse unha réflex nos anos setenta do século pasado. Por certo, que barbaridade, hai que ver como soa iso do século pasado! Agora doulle voltas a si sería roubada. Actuabamos desa maneira, eramos pequenos rateiros de libros, roupa e vinilos, de latas de conservas e pastillas de xabón. A estratexia da gavela ou da araña. Bernardo Bertolucci, 1970. Roubabamos. Enganabamos aos dependentes envolvéndoos nunha tea de preguntas e pedidos mentres outros saqueabamos o que foramos buscar. Conspirar. Faciámolo así, aprenderámolo nas novelas de Dickens. Todos actuabamos coordinados e repartiámonos o botín. Todos menos Ramiro, que exercía pola súa conta. O que se di un espontáneo. Acción directa chamáballe el, ás veces expropiación popular. Reclamábase seguidor dunha facción de activistas italianos de extrema esquerda que se auto nomearan co contracultural alcume de indios urbanos. Impresionáranos a beleza agachada do que suxería aquela denominación. Lerámolo nun artigo dun xornal underground, o Ajoblanco, do que arrincabamos as follas para limparnos cando iamos ao váter. O contacto con aquela celulosa mal impresa, rugosa e áspera, irritábanos o esfínter, decidimos, polo tanto, que tamén roubaríamos rolos de papel hixiénico. Escolliamos substantivos, significantes, que nos liberasen da culpa, sobre todo de rompernos a cabeza. Actuar sen pensar equivalía a comité, comité equivalía a acción directa e acción directa a facer o que nos dese a gana. Eu pertencía a dous: Comité de Estudantes en Loita e Comité de Estudantes Antifascistas. Agora non lembro cal deles preparaba accións de loita urbana: cruzar vehículos nas rúas, estralar a pedradas vidros de entidades bancarias, repartir panfletos e sementar as fachadas de consignas e estrelas. Indios urbanos. Cubriamos o rostro con carapuchas ou bufandas e vestiamos de negro para non ser recoñecibles pola policía, que nos detiña, fichaba e torturaba. Seguiamos estando, non hai que esquecelo, baixo unha ditadura. Dous anos antes o Réxime –enchíaselles a boca de samesugas cada vez que se vangloriaban de pertencer a semellante xerarquía– executara a garrote vil en Barcelona a un mozo da nosa idade, Salvador Puig Antich. Non sería o último. Un espanto. Pero aínda era peor o ambiente irrespirable a sotanas e impotencia que destilaba a realidade. Nunha desas accións de estratexia adestrada e tensión máxima diría que foi onde por primeira vez vin a Tomás, o autor da foto. Identificábano un recoñecible sobre peso e un despregue de ademáns exaxerados que non pasaban desapercibidos. Ao tomar posesión como exclusivo ocupante da casa de Caldeirería propuxéralle a un íntimo de Santi, estudante de Arte que buscaba un sitio onde gorecerse, que dispuña dun cuarto por un prezo axustado ás súas necesidades económicas e ás miñas, necesariamente austeras ambas. Así foi como Federico chegou á casa e instalouse a vivir no cuarto que había detrás da sala, cunha cama, unha mesa de noite, un armario e ventá con porta sen balcón que daba a un patio interior onde criaban os gatos. Estabamos en outubro de 1976. Trouxo con el uns cantos libros, moi pouca roupa, unha caixa de pinturas e un barullento e numeroso grupo de amigos e amigas que, pouco a pouco, fóronse facendo tan asiduos que acabaron por transformar a vivenda nunha grande sala de estar onde pasar os seráns, escoitar música, celebrar reunións e troulas, encontros e citas, argallar maratóns de estudo e buscar refuxio en noites desoladas. Fixerámonos cun tocadiscos Grunding e poñiamos e volviamos poñer até a saciedade vinilos de Cream, Pink Floyd e –probablemente– King Crimson. Non teño idea de a onde irían parar eses discos, perdidos, intúo, nalgún traslado ou amoreados nalgunha caixa almacenada nun rocho que alugamos para ir metendo o que xa non entraba en ningures, até que resultou imposible abrir a porta; e alí seguirá todo, supoño, agardando a agulla imaxinaria dun tocadiscos do futuro. Si é que iso chega a producirse.

A Tomás cruceino en medio dunha multitude de coñecidos, curiosos e engadidos durante a celebración dunha xolda de aniversario de Federico. Alguén dixo mira este é Tomás. Estabamos os dous cun vaso na man, intentando dicir algo no centro dunha barafunda de música a toda hostia e whisky con Coca-cola, e ron Negrita, e tónicas e limón e herba, babecadas a esgalla, papel de lear e filtros, fume, moito fume, cun intenso cheiro a nube de haxix, ollos brillantes e pingas de suor escorregando tempas abaixo entre risos. Había unha foto de Marlon Brando na parede suxeita con chinchetas, e outra de Antonin Artaud con Marguerite Duras. Detalles dunha iconografía que adorabamos. Foramos incapaces de zafar do culto ás imaxes que os curas gravaran en nós a base de poñernos de xeonllos e amestrarnos. Aínda as conservo nalgunha carpeta que abro aproximadamente cada dez anos. Volver aos vellos tempos, chámase. Trato de non desmemoriar o odio. Naquela troula danzabamos subindo e baixando escaleiras, ciscados entre os dous andares da casa comunicados por chanzos de madeira resgardados por unha fermosa varanda de ferro fundido. Algúns ocuparan o cuarto dormitorio que eu utilizaba, estomballáranse polo chan ou por riba da cama onde nos deitabamos Arzúa e mais eu, Lúa e mais eu, e Amparo cun lacaniano carente de Edipo do que non direi o nome. Tomás barallou que a foto da parede pertencía a unha escena do monólogo no que Paul/Marlon chora diante o cadáver da esposa infiel metida nun ataúde. Ensarillámonos en se o verbo meter resultaba o máis apropiado para describir o feito de colocar un corpo dentro dunha caixa alongada. A quen o dixera debíalle parecer horrible a palabra ataúde porque empregou o sintagma caixa alongada, que á vez podía servir como metáfora de embarcación. Tomás aproveitou para disertar sobre iso, e a lagoa Estixia e o barqueiro Caronte mesturáronse entre os comentarios que largou. Alguén propuxo o verbo depositar como alternativa. Pregunteille a Tomás se uns meses antes estivera na Praza de Galicia guindando pelouros contra as cristaleiras do Bankinter. Pode ser respondeu, estou en moitos sitios e non estou en ningún. A resposta –por suposto– foi motivo de gargalladas e palmas. Tomás acabou ou empezou a colgarse sentimentalmente de min o mesmo que fixera de moitos dos acabados de coñecer e por extensión dos últimos incorporados, acólitos e próximos, e interrogoume de xeito redundante si carnalmente só me relacionaba con mulleres, se podería fotografarme espido, mentres divagaba sobre as vantaxes da bisexualidade, e citou a Lucian Freud e a Francis Bacon. Non agora mesmo, claro –dixo–, calquera outro día podemos preparar unha sesión de estudo para retratarte. Tes corpo de Tarzán, chanceou, eu farei de Jane. Creo que esa foi a primeira vez que fun consciente de que Tomás vivía acompañado dunha cámara réflex. Manexábaa co mesmo coidado e pericia que os corpos “cernudianos” dos seus amantes. Dese cariz eran os cualificativos que empregaba, envolto en sabas, como unha cariátide exultante deitada na miña cama. Tomás, un arroutado intelixente e valente, un retranqueiro sátiro e simpático, de pernas curtas e nádegas babilónicas e peludas. Alguén leou e puxo en circulación varios porros ao mesmo tempo, e todos nos alegramos. Coido que riamos bastante máis do que falabamos nesa época, coma meniños aos que había que limparlles os mocos ou as babas. Acabamos por facernos confidentes. Pero quedaramos sen tempo.

A substancia que enchía de urxencias as présas por vivir acabou por esfumarse sen concedernos ningunha posibilidade de prórroga. Tocaba comezar de novo, disolverse noutros acontecementos, en diferentes lugares e circunstancias. Comezaramos a esmigallarnos, a volvernos invisibles, a chegar tarde ás citas ou directamente a non acudir, renunciando a encontrarnos porque sempre tiñamos algo que facer, revirados de costas, pospoñendo para unha vindeira ocasión o de falar… E non parecía que fósemos conscientes diso. O tempo de Compostela escapulía de nós. Como antes sucedera cos inservibles Comités, aos que eu dixera até nunca afónico de debater e decepcionado, sen volver a vista atrás nin outro horizonte diante cás páxinas dunhas cantas novelas. Deica unha pedrada contra a fraxilidade dunha vidreira chegara a miña carreira de revolucionario. Carabina treinta terinta, que los rebeldes portaban y decían los madereistas que con ella no mataban… Encantábame entoar ese rabudo tema do cancioneiro insurxente mexicano, que chegara até nós na voz do masacrado cantante chileno Víctor Jara, asasinado polos esbirros de Pinochet nos vestiarios do Estadio Nacional en 1973. Aproveitei o meu abandono dos seminarios dun materialismo máis histérico que dialéctico para despedirme tamén dos panfletos cutres, dos sprays de consignas como berros, as bandeiras encartadas nalgún armario, as coleccións de revistas envorcadas en contedores de lixo xunto a certos tratados ilexibles do Fondo de Cultura Económica. Todo hai que dicilo, fora bastante afortunado, nunca me detiveran, non me torturaran nin ameazaran, non pasara por celas mal iluminadas nas que policías suados de alento envelenado asubiaban palabras como coitelos nos nosos oídos. As doses inevitables de sectarismo e demagoxia curámolas Lúa e mais eu acariñándonos e fundindo as epidermes que nos cubrían en amálgamas que nos parecían sempre de estrea. A terapia consistiu en foder sen medida e ler a dúo e en voz alta os volumes á mantenta do Cuarteto de Alexandría e os relatos completos de Julio Cortázar. Intentámolo co Ulises de Joyce e o Paradiso de Lezama, pero ese par de castróns conseguiron derrotarnos. No ring da literatura eramos uns pesos lixeiros. Faciamos unha boa parella mais desenamorarámonos xa unhas cantas veces, sabendo á perfección o que nos gustaba e desagradaba do outro. Sentirte culpable é o mellor pasaporte para abandonar unha compañía. Tentabamos a esquiva sorte de amarnos vestíndonos do revés, eu poñía as súas bragas e ela os meus calzóns, eu o seu xersei e ela as miñas camisetas, eu o seu sorriso e ela a miña mirada. Tomás fixéranos unha foto metidos na cama coa que pretendía parodiar a solermeira e reproducida imaxe de Yoko Ono e John Lennon na suite do hotel Hilton de Amsterdam. “Logreino! –esbardallou–. “Por fin consigo fotografarte espido”. Yoko e John, famosos, aparecían vestidos con pixamas brancos; nós, anónimos e mortais, arrefriados en coiros. A cabeceira da cama do Hilton era unha enorme xanela con dous carteis pegados aos cristais, nun deles escribiran: HAIR PEACE e no outro BED PEACE. O cabaceiro do noso colchón consistía nun mapa de Barcelona suxeito á parede con celofán e o nome Aribau rodeado por un círculo de rotulador vermello. Ramiro trasladárase a vivir a Barcelona. Estiveramos alí uns meses antes, nun andar desa rúa, no sinistro 2º esquerda do número 34 do “carrer” Aribau. Habería que dicir algo desa viaxe pero é outra historia. Incompleta. Nunca cheguei a ver a reportaxe fotográfica da cama. Nin sequera souben se existían esas fotos, se había película dentro da cámara. Tecnoloxía analóxica, diriamos hoxe. Non me estrañaría que se tratase doutra trasnada de Tomás. Aínda así, cheguei a pensar nelas como algo real e que alguén, vai ti a saber cando, tivera oportunidade de miralas e esquecelas. Ou que Tomás as levara a revelar e logo gardara entre outras moitas fotografías, agachadas nalgún recuncho máis ou menos perdido para unha revisión posterior. E aí quedarán. Mira que sorpresa teño para ti, diría daquela co seu sorriso de traste. Fotografarnos pasara a formar parte dos espectáculos que representabamos para burlarnos do aburrimento que ás veces nos causaba a monotonía de vivir, e pasaba a un plano secundario que a máquina tivese ou non película ou que Tomás fose un instigador de autos de parodias que improvisabamos para espantar o frío que aturabamos naquelas casas xeadas. En calquera caso, que existise ou non a foto, ou o seu negativo extraviado nalgún arquivo, aquela foi a última vez que me puxen diante do obxectivo da réflex.

Un par de meses despois todos saímos disparados cara a destinos a miles de quilómetros uns dos outros. Lúa, licenciada con honores en matemáticas, alugara unha choupana en Chauen, nas montañas do Rif. Quería aprender a coser artesanalmente o coiro e vivir diso sen tempo por diante. Tomás, co título de historiador en arte baixo o brazo, colleu camiño de Nova York, a intentar expoñer as fotos no Greenwich. Eu, científico de nada en paro e sen alumnos, trasladeime a Londres para, sen máis, zafarme do que me esmagaba. En xuño de 1980 aterrei por primeira vez en Stansted. Era un día chuvioso de ceo encapotado, apañei a mochila da cinta de equipaxes e lisquei a todo correr dun hangar en tránsito de zoo humano á procura dun transporte que me deixase o máis preto posible dun hostal en Cromwell Rd. Nese aloxamento, entre tendais de calcetíns e roupa interior a delourar de italianos e xaponeses, había de pasar os vindeiros meses. Despedírame de Tomás con calma, a modo, medindo o tempo. Calculamos que seguramente habían de pasar unhas cantas estacións antes de que volvésemos a vernos; existía incluso a posibilidade de que tardásemos máis do pensado, como así sucedeu. Despois dunhas copas no Tito´s, entrando nas galerías Viacambre a man esquerda, continuamos cunha sesión de baile no Farrapos, un par de rúas máis aló das galerías, cara á estación do tren. Cando prenderon as luces e non topar nada aberto puxémonos a camiñar a noite. Foi máis un deambular deixándonos ir ca un paseo, a impresión era que estabamos buscando algo. Fose o que fose acabou de madrugada nas escaleiras da Quintana, cando resolvemos que o que buscabamos non era outra cousa que conseguir despedirnos daqueles últimos días, enzoufados xa nunha separación que sabiamos inevitable. Intuíamos, deixando de lado a nostalxia, que pasaría unha eternidade antes de poder volver repetir unha peregrinaxe que incluíra tumba deuses a media tarde, tragos longos de cuba libres e gin tonics en barras que considerabamos sagradas e un remate de risos remelados con que lle demos a benvida a outro amencer en Compostela. O que fomos incapaces de aventurar era a situación na que se produciría o reencontro. Unha posibilidade que non tiña cabida no reino dunha imaxinación tan dependente da realidade como era a nosa naquel intre, inexperta aínda en desgrazas, en agoiros que nin sabiamos que podían producirse. Que a vida podía presentarse coa máscara da traxedia non formaba parte da comedia que representabamos. Eu a Londres ti a Nova York, perfecto. Se a algún lle ía mal sabía onde andaba o outro. Non fixemos repaso de nada, do que sucedera ou deixara de acontecer, do que foramos arquivando na memoria ou arriando como lastre inútil. Para que? Moviámonos aínda nas marxes e tiñamos audacia dabondo para intuír que o que nos agardaba daría máis adiante para outra noite de cháchara, por suposto, tamén insaciable. Como adoitaban ser as nosas noites, interminables. Tomás intentou convencerme –unha última vez– que marchásemos xuntos a Nova York. Mentinlle, díxenlle que xa tiña os billetes, que embarcaba nunha semana.

Malia que Londres foi unha incursión no descoñecido que me cambiou para sempre coido que non acertei. Tería que terme ido con el, e non por Tomás, senón por min. Estou convencido que de Nova York non tería regresado ás primeiras de cambio, a continuar unha xeira arrombada de días idénticos nunha mediocre cidade galega rodeado de coñecidos parecidos a min, impartindo aulas e limpando cun pano empapado en acetona as manchas de fungos que aparecían como flores brancas na capa dos discos de Nick Cave. É difícil sabelo, mais nada hai peor que o que se parece a un mesmo, adoita ser insoportable. Teno en conta, oínlle dicir a Tomás, mentres saiamos da noite envoltos pola tremente luz do amencer. Teño recordos moi precisos de terlle escrito a Tomás desde Londres con regularidade. Conservo cartas súas que fan referencia a cartas miñas e a unha foto tirada en Piccadilly. A foto de Piccadilly. Por suposto, non vaiades pensar, non está á altura da lenda dos catro de Liverpool cruzando o paso de peóns de Abbey Road, mais foi un idilio co lugar igual de arrebatador para nós. O resultado, se me apurades, é unha anti ou contra foto se a comparo coa de Compostela; e nesta si aparecía eu. Unha é renacentista a outra está enchoupada dun estatismo exipcio. A de Londres reflicte cores esmorecentes, a de Compostela un branco e negro luminoso; a primeira contaxia enerxía, impulso, urxencia; a segunda, téñoa diante, diría que é reflexiva, profunda, distante, quizais un punto misteriosa. Está feita un domingo e nótase, ten un certo halo de relixiosidade, un certo temor á aura que nos rodea. O noso primeiro domingo en Londres, é cedo, non hai tanto que amenceu. Tamén nós atravesamos pasos de peóns camiño de Camden, o mercado das baratezas de segundas e terceiras mans. Vicente, alumno de Económicas co que viaxo, e mais eu marcámonos un pousado de primeira comuñón: firmes, serios, entalados, os brazos en cruz. Parecemos imaxes talladas nun obradoiro remoto do pasado que se materializara aos pés da estatúa de Cupido. En calquera caso non parecemos pertencer a un presente ao que aínda non nos afixeramos. Eu comezara a mergullarme –e ni de lonxe era consciente da miña condición de náufrago– no mapa dunha cidade en ebulición. O volcán chamábase Luísa. Hai nada, uns meses, volvinme topar con Vicente no funeral laico que Xulia preparou para lembrar a Manuel Anxo, un amigo tan querido polos dous como o aire que respiramos. Non necesitamos recontar as engurras nin a carencia de pelo nos curutos para aventurar unha cifra: corenta e dous anos desde a vez que nos despedimos na porta do albergue da rúa Cromwell. Non nos volveramos ver. Atropelámonos falando, como non, de moitas cousas, entre outras da foto de Piccadilly, que él perdera ou esquecera, tamén do restaurante onde levaramos infinitas bandexas de pratos e cubertos emporcallados de graxa, cinza e carmín, de restos de bechamel queimada e prebe de tomate. Recordamos as liteiras de trabes de madeira e os forniños para quecer leite e auga no soto, o pub de enfronte con músicos da nosa idade improvisando jazz en directo e a Luísa. Cazadora de coiro imitación dunha prenda de Vivienne Westwood avanzando coma unha estela de luz polos canellóns do Soho e a miña voz non te alcanza. Que foi dela? Durante uns segundos esa pregunta absorbeu todo o ruído que había ao noso arredor, incluídas as variadas modulacións que contiñan as voces, os berros e risos, e o tempo materializouse en tronco de carballo centenario soportando o peso dos nosos corpos en desnivel, en orfandade de miradas e palabras, en mesas e cadeiras, estradas por un prado que Manuel, ausente para sempre, tería pisado tantas veces. Un recuperado magma xuvenil, sonoro, audaz e desenfreado, no que non había distancias que non fosen andables, atravesounos como unha frecha. Unha conxugación de coincidencias que nos encheron de enerxía, entre dúbidas e descubrimentos. Brindamos polo reencontro e volvín a amar a Vicente como probablemente sucedera, sen ser consciente, durante aqueles meses nos que compartiramos confidencias e desexos na cidade das xenialidades improvisadas, de remotos lugares perdidos e cornetes de patacas con bacallau nos bancos dos parques, con vasos de cervexas en beirarrúas de tardes demoradas, escoitando o ritmo frenético da urbe en combustión mesturado cos pasos de baile dos rapaces xamaicanos con que nos cruzabamos. Cidade fotografada sen descanso. Esa vez tocábanos a nós descubrir os ídolos que xurdían das capas dos discos, de carteis cubrindo as paredes e de revistas que apañabamos de balde nas entradas das estacións de metro. Fotos e mais fotos, incluso nós decorabamos os cuartos con instantáneas espichadas en cortizas húmidas de suores nocturnas. Unha forma de estar e de mostrarse como signo e válvula de escape. Vestiámonos para desfilar entre as pingas dun orballo constante, manso e quente, gorecidos baixo os alpendres do Covent Garden. Uns cantos daqueles momentos impresos en papel atravesaron o océano Atlántico no interior de sobres con selos da súa Maxestade, mesturados con outras miles de cartas e paquetes no ventre dun avión, un jumbo –probablemente o 121 de Pan Am– que despegara aquela mañá de Heathrow e aterraría unha horas despois no JFK. Imaxinei a Tomás abrindo o sobre, introducindo os dedos para extraer o mangado de follas onde lle describía unha rúa de edificios clonados na que alugara un cuarto nun sobrado baixo terra e un caserón no que recibía clases de conversación e intentaba facerme entender en inglés con mulleres paquistanís e etíopes das que só os ollos ficaban ao descuberto. Ollos como améndoas, cunha precaución de felino na mirada que transmitía o alento cálido e calado das treboadas. Eu, estadullo imberbe, tremía diante daqueles mulleres. As cartas que lle escribín recollían a xeito de diario os interrogantes e as certezas que me bandeaban. Detalláballe as ocupacións nas que andaba, as interminables quendas de traballo e os primeiros partys nunha batea que navegaba Támesis abaixo. Nas columnas de son soaba a voz pastosa, coma a seme oloroso e denso, de Robert Smith, o cantante de The Cure, que me lembraba, con anos de antelación, a Germán Coppini. Ou sería ao reves? Boys Don´t Cry. Nada máis certo, eu aínda non choraba. Xa virían días máis adiante nos que choraría precisamente por eses días e por min. Só os covardes choran por eles mesmos. Sería certo? Os distantes, adorables e atractivos mozos e mozas londinenses púñanse mallas de leopardo, camisetas rachadas que deixaban entrever peitos andróxinos, americanas de veludo brillante ou abrigos de arrebatadora inspiración decadente. Cuspían sen parar, bicábanse até a conxestión, leaban olorosas febras de tabaco exipcio, cantaban violentas proclamas nihilistas e tiraban peidos que apestaban os locais a túnel de metro ou a contedor de lixo sen tapa. Iso sucedía en Hammersmith e tamén en Earls Court, ás portas de locais onde tocaban o que os sumidoiros golsaran esa noite e as latas de cervexas voaban sobre as nosas cabezas en busca de sangue. Por momentos sentíame parte desa rabia, sentía que nos estaban roubando algo, deixando á marxe, condenándonos a unha tolemia que non mereciamos. Ás mañás, repasando os titulares dos xornais que vendían nos postos das rúas da folga dos mineiros, decatábame de que estabamos perdendo unha guerra. Describíallo unha e outra vez a Tomás recostado sobre a cama, estomballado na herba de Richmond, anicado nalgunha das mesas do Covent, sentado nun muro de Camden mirando a Luísa mollar os pés nunha das canles fedorentas que atravesaban o barrio onde nós queríamos vivir. Vida abafante nun barrio noxento a nosa. Nada máis desexable. Contáballo en follas de cor vermellón que adquiría nunha mínima papelería da estación Vitoria, preto do mostrador onde aínda se despachaban billetes para viaxar á India en autobús. O Magic Bus. Só pronunciar o nome soaba a psicodelia, a canción de ‘It´s A Beautiful Day’, a templos onde se veneraba a Shiva, a múltiples brazos despregados como ás de bolboreta, a sitar e guedellas brancas. Bombay Calling. Quen nos chamaba a nós? Luísa colgouse desa pregunta. Pregunta que eu rebotei cara a Nova York nunha daquelas follas voadoras que viaxaban en múltiples direccións. Cara a Manhattan e Compostela, a Barcelona en busca de Ramiro ou a Vigo en busca de Daniel, e a Chauen, para que Lúa seguise sabendo que existiamos, léndome estomballada nunha hamaca nun patio entre figueiras e laranxeiras. As mellores mentes da nosa xeración podía tamén ser as nosas, pero non o parecía por como nos ían as cousas; cos nosos asuntos desamañados ou en espera, nin sequera manifestabamos propósitos de emenda. No absurdo dos paradoxos era onde nos sentiamos máis a gusto. Podiamos tratar de ti a Allen Ginsberg, esquinar os profetas, parodiar a Dylan e que nos dixera dunha vez por todas onde estaba a resposta cando non había vento. Chamando a Londres. Recibín unha postal de Tomás desde Boston pedíndome un número de teléfono no que puidésemos falar, escoitarnos de verdade, recuperar o acento das nosa voces. Preciso oírte, dicía, non tería que ser tan complicado, suxería. Válenos cunha cabina pública e establecer un día e unha hora. Unha das cabinas  de Hyde Park Corner, un domingo ás seis da tarde, cinco horas menos en Nova York. Desde onde chamas?, quixen saber a primeira vez que falamos. Estou no Village, contestou e preguntoume como estaba, se seguía namorado, que nunca deixara de estalo, que era o mellor sinal de estar vivo. Sen darme tempo a responderlle engadiu que viaxaba a Managua, a fotografar a revolución. Outra revolución, e outra, e outra… Até cando? Canto duran as revolucións? “Toda la vida, mi amor”.

En abril de 1974 eu cumpría o meu cuarto mes de estadía en Compostela. Comezaramos a devorar libros de poesía, cuncas de viño e caldo pola Algalia, medias de arros con verduras e garavanzos no Catro, rock sinfónico e tardes enteiras sentados no balcón escoitando o rumor que facía a xente que transitaba por diante da casa. Alguén pasou o aviso de que oíra na radio que en Lisboa estaban entrando os tanques. Esa noite escoitamos exultantes o ‘Grândola’ en todas as emisoras portuguesas que sintonizamos. Era o 26 de abril de 1974. O día vinte e oito embarcamos nun tren con dirección a Porto. Unha vez que cruzamos a fronteira preguntámoslle a unha muller maior que viaxaba no noso vagón, vestida de negro, cubría o pelo cun pano anoado á barbadela e agarraba no colo un bolso enorme de tea, se confiaba na revolución. Só confío en Deus, respondeu. Os rapaces que nós eramos descendemos na plataforma da estación de Viana a saudar puño en alto un mural dunha vella locomotora que debuxaran cubrindo a fachada por enteiro do edificio central. No interior da nube de vapor branco que saía da máquina, estampado con letras negras, alguén escribira: A TODO VAPOR POLO SOCIALISMO. Debemos parecerlle doutro planeta a aquela campesiña que resumía nos seus ollos de néboa, atuídos de medo, miles de anos de opresión. Esta vai por vostedes, compañeiros: carabina treinta treinta que los rebeldes portaban y decían los maderistas que con ella no mataban… O Primeiro de Maio participamos nunha manifestación histórica que ocupou o centro da cidade con milleiros de persoas. Avanzamos reclamando poder popular agarrados a descoñecidos aos que tratabamos de camaradas. A revolución adquiriu a forma dunha asemblea permanente entre a platea e os asentos do teatro Coliseo onde cadaquén largaba o que lle petaba. Niso consistiu a revolución, só niso… E querer a xente que non coñeces de nada, non?, e que todos os nenos teñan a posibilidade de ir á escola, e que sexan felices e que se escoite a voz dos que non teñen nada, e que os poderosos non secuestren o poder… E ser libres para vivir como nos dea a gana, a real gana, diso fundamentalmente debería encargarse iso que chamamos revolución.

Chámote para dicirche que estarei unha temporada en Managua. Por qué non recolles o imprescindible e vés aquí comigo? Xa chega de Londres, non? Faremos fotos, centos de fotos. Mandeiche unha carta onde che conto o que faremos, supoño que chegará nuns días. Ti mentres tanto valo pensando. Managua, fotos, corpos, seráns, silencio, armas, equipaxe, libros, planos, lerias, parques, soidade, metro… Vindeira parada Luísa, Luísa, Luísa. Se camiñamos xuntos vou contigo, se nos abrazamos vou contigo, se te chamo… onde estás? Lonxe de ti, sábelo. O triángulo é unha figura que se utiliza para representar a divindade, facemos equilibrio sobre os lados que nos conducen aos vértices. Eses son os puntos de encontro. E non hai ninguén máis alí? Tampouco nesta historia? Onde anda todo o mundo? Si, hai máis, pero están ao seu. Claro que hai máis: os ionquis enmudecidos, os venecianos disfrazados, os naseiros fozando nos laños, os que andan á descarga, os que pairan polos peiraos e os que marcharon embarcados, os rabudos en fervedura; todos eles ciscados vai ti a saber onde, non conto con ninguén. En realidade, estou só. Levántome cedo, aséome e vístome, saio a todo correr para non perder o metro, baixo en Holborn, camiño un treito de beirarrúa por New Oxford Street deica a porta do restaurante, entro, lavo as mans e poño o mandil azul mariño cunhas pequenas letras inscritas en branco. Saúdo aos que están na barra e métome na cociña. Ordeno cubertos, coloco fontes, preparo as bandexas…, unha rutina que dura até as tres da tarde. Luísa tomou a decisión de ir coñecer a India en tren. Durante días cítome coa súa ausencia nos locais que frecuentamos: unha pequena chaela de mesas e cadeiras a carón dunha canle e un par de tabernas do barrio onde pido pintas de cervexa negra. Confundina un par de veces con mulleres que axexei entre xente que atúe os bares nesas horas nas que parece que a cidade enteira está barallando e pedindo consumicións, por suposto non era ela. Mándame postais. Nunha desde Benares dime que me quere e bota de menos e que coñeceu a un rapaz alemán –esa foi a maneira cinematográfica de denominalo– que se chama Mathias, que continúa a viaxe con él con destino a Nepal. Que probablemente estará de regreso nuns meses e poderemos falar, ou que irá directamente a Berlín con Mathias e poderei visitalos. Fíxome no adverbio directamente, decido que nel cabe toda a nosa historia. A historia, calquera historia, non deixa de ser un contexto cargado de significados. Coido sabelo. A camiseta que levo posta mentres leo a postal foi un agasallo dela, Luísa púñaa para durmir. Recibo unha nova postal que o carteiro larga por debaixo da porta. É unha fotografía dunha bandeira roxa e negra coas letras FSLN en branco e en maiúsculas. Descoñezo o porqué, mais tópolle semellanzas co meu mandilón de traballo. No reverso Tomás escribiu: por qué non vés? Non tiña resposta para esa pregunta e quedei paralizado. Non vas vir, verdade? Oínlle preguntar aquela tarde de domingo solleiro nun Londres deshabitado. Non, respondinlle. E qué pensas facer? Regreso a Compostela nun par de meses. Ofrecéronme incorporarme a unha utopía que ten visos de converterse en realidade, imos poñer en marcha unha cooperativa educativa. Intentarémolo doutras maneiras e que ningunha coincida co que se está facendo, díxenlle. Cres que é posible?, dubidou. É o único no que creo agora mesmo, ou iso ou o marasmo de escravizarme e que decidan por min. Emocións, diálogos, creacións, mans en movemento… Espazos sen atrancos, atravesados pola luz e pola enerxía da vontade, sen cadeiras nin mesas, ou as menos posibles, onde resulte difícil tropezar, aínda que o intentes. Ben, arfou finalmente despois duns segundos de silencio, desexo que teñas toda a sorte do mundo e que atopes acougo nese destino que te impós, porque é imposible que topes a felicidade nesa especie de martirio que me anuncias. E ti, interrompino, que pensas facer? Tamén regreso, mais non a Nova York, instalareime en San Francisco con Jeffrey, a meu alter ego. Sabes?, estou profundamente namorado del. Aquelaríache coñecelo, levariádesvos ben, é aínda máis guapo que calquera de vós. Tomás, Tomás, Tomás. Non te preocupes, seguiremos en contacto, vale? Mandareiche o meu enderezo de San Francisco, así saberás onde estou, por se mudas de idea. Claro, nunca se sabe, díxenlle.

Un ano despois, en 1982, son un máis dos que aparecen aí, no medio do retrato fundacional que fixemos. Os quince cooperativistas pioneiros dun centro que bautizamos co nome de Iván Illich. Acabamos de rematar un parladoiro cun grupo de pais que están interesados no proxecto que elaboramos de intentar facer doutra maneira iso que para entendernos seguimos chamando educar, que, díxenlles, sobre todo é aprender a ser felices a través da convivencia. Doulle voltas á idea de felicidade. Por que?, cando non creo nela. Tomás levaba razón, mais algo tira de min para que continúe. En ningún momento dubido. Vou vestido cun vaqueiro gastado e unha camiseta azul escura adornada cunha póla de toxo florecida e o lema pedagogos por unha nova educación rodeando unha flor de intensa cor amarela. A amarela é a cor da distancia. As demandas que atendemos son para coidar nenos que ninguén quere. Nenos tolos, cegos e xordos, nenos que non falan ou falan a berros e son incapaces de moverse, nenos rexeitados, abandonados, sinalados. Xestionamos pequenas axudas que negociamos en despachos onde nos axexan con desconfianza. Endebedámonos, poñemos cartos que gardabamos ou pedimos, e conseguimos, por fin, alugar unha casona en estado de calamidade permanente. Un predio con veiga e arbustos, e vieiros e un pozo rodeado de alpendres. Ruínas que comezamos a retellar e pintar, cambiamos cables e tubarias, decoramos con teas, poñemos luces. Ocultamos a desfeita que é a sombra da ameaza coa que convivimos. Abrimos e ofrecémoslle a un grupo de meniños que non nos coñecen ser nós mesmos e facer o que nos gusta: estar en compañía, bailar, pintar, construír, tocar. Dividirnos ou multiplicarnos para aprender o que se pode facer cos números, dicir e cantar para descubrir a maxia da lingua. A lingua é unha ximnasta musculosa que vive no interior da boca, que se move para darlle forma ao que pensamos, que crea os sons con que expresamos esa concorrencia marabillosa de falarnos. Os brazos e as mans son árbores enraizados na pel e os ollos esferas de ámbar que alumean os túneles que nos percorren por dentro, os que  nos levan até o neno que fomos. En 1985 envíolle unha foto a Tomás rodeado por unha tribo de cativos que non me chegan á cintura. Eses primeiros anos son unha fusión de enerxía e vitalidade sen límites, non lle dicimos nunca a nada. Só nos paraliza a tristeza cando morre algún dos pequenos. Estamos rodeados de tumores, de sufridores inválidos que nos esixen enteireza a base de manternos alegres. Queren, durante o tempo do que dispoñen, vernos contentos. O Iván, que recende a cueiros e a crema de verduras dunha horta que cultivamos entre estrume, a pinturas esparexidas por riba de follas de xornais e a contos narrados en tardes idénticas a si mesmas, sobrevive a moitos deles. Non os esquecemos, fotos dos que non están decoran a sala que utilizamos para meditar. É un logro e un éxito. Saímos en revistas, publican reportaxes que falan de nós, din que somos innovadores, vangardistas, diferentes. Escribo sobre o que facemos baixo o foco dunha lámpada, sen acabar de definir o que estamos conseguindo; sen darlle, tampouco, demasiadas voltas. Estámolo levando adiante e con iso chega. Un sentimento que arde con palabras de luz. A luz é tan intensa que acaba por cegarnos, uns cantos cooperativistas e parte dos pais non queren que sigamos sendo un experimento á marxe. Propoñen que nos incorporemos, a través dun concerto, a un sistema que nos vai impoñer como debemos actuar e a quen debemos atender, que nos vai controlar. A oferta prende as alarmas vermellas. É imposible non someterse, din algúns, acabarán con nós. Non volveremos ter unha oferta así; que, ademais, concédenos a posibilidade da permanencia como parte insubstituíble do proceso, ou a alternativa de incorporarnos como profesores noutros centros. O tempo pasa, arríame unha compañeira, xa nos somos aqueles mozos novos que viñeran a papar o mundo. Canto tempo máis resistiremos e manteremos a ilusión e as forzas imprescindibles para continuar? Temos os nosos propios fillos. O principio de realidade imponse. Paseo entre sebes, ascendo un pequeno outeiro, contemplo o horizonte. Anoitece. Xuntámonos para falalo, a maioría é partidaria de votar por integrarse. Asinto, afirmo que non me vou opoñer, que abandono o Iván e pedirei un novo destino. Deixo de lado a utopía e comezo a transformarme nun mestre de aula con mesas e cadeiras que loita contra el mesmo. Non acabo de acomodarme, non aturo os claustros, os equipos e as reunións, as normas e as notas, as filas para desprazarse, o fútbol nos recreos. Tería que ser honesto e deixalo. Síntome un inútil sen posibilidade de escapatoria. Recibo unha chamada de Tomás. É un domingo pola mañá, intúo que chama para darme o pésame en canto empece a queixarme. Mais acabamos falando exclusivamente da SIDA. Pregúntame que sei sobre iso. Apenas nada, confésolle. Estou enfermo, murmura el, moi enfermo. Vai vir a Europa.

A morte é un déjà vu, sono todas as mortes; porén, esa constatación, non é de todo certa. Sucédenos a todos, pero cada morte é única. Penso nas que exercín de acompañante; na da miña nai, rapidísima; a do meu pai, lenta e dolorosa; o vaivén dalgúns dos nenos do Iván, que ían e viñan da morte con cara de anxo. Toparémonos en Ámsterdam, de acordo?, dime. Estarei alí uns días, vou ser poñente nunha xornadas sobre a enfermidade. Jeffrey vaime acompañar, poderedes coñecervos, vas ver, vaiche caer ben. Ramón, meu irmán médico, o que marchara a exercer a unha illa, dixéramo a comezos dos oitenta. Non sexas demasiado promiscuo, bisbou, e, sobre todo, non te deites con heroinómanas. Hai unha doenza por aí que nos vai liquidar a todos, contáxiase con moita facilidade e é incurable. Por suposto referíase á sida. Non lle fixera caso, seguinme metendo na cama con Lúa que, á súa vez, se deitaba cun mozo que se inxectaba heroína. Eu referíame a el como Lou Reed, tamén como o ionqui. Arrepíntome, mais é tarde. Era una chica muy mona ah, ah… que vivía en Barcelona. De la ciudad Condal tú eres pero a mí no me quieres… Lúa, que non vivía en Barcelona, era unha muller sumamente atractiva e a min aquelábame cantarlle o tema de Siniestro. Eu facía estriptis emocional para unha única espectadora: ela, que contemplaba os meus circunloquios de trapalladas con ollos de retranca. Por suposto, merquei un billete para ir a Ámsterdam. Vira fotos de enfermos de sida. Quén non? Aparecían por todas partes, en xornais, en revistas, esmirrados, con ollada de medo, o estigma da morte no rostro. O actor Rock Hudson, convertido na icona máis famosa da praga, amosáranos os ángulos máis vertixinosos da doenza. Acabáranse as troulas, que a vida podía ser incontestablemente dramática gañara finalmente a partida. Voaba observando as nubes a través da xanela do avión, pensando como o atoparía. Cheguei a dubidar se o recoñecería. Estaría fatalmente cambiado? Deixaría de ser aquel felino entrado en quilos que nos largaba mofas sen descanso por seren tan carnalmente apetecibles? Bombóns aos sol que se derretían entre mans de néboa. Tería as faccións marcadas, as concas afundidas, a cor macilenta dos agónicos? Desprazaríase con axuda? Talvez precisase de bastón ou dunha cadeira de rodas para moverse. En Ámsterdam ía frío, aquel clima tería que sentarlle mal. Cando nos vimos, a miña primeira impresión foi que o tempo non sucedera. Que os anos transcorridos desde que estiveramos sentados nas escalinatas da Quintana eran un invento meu. Non podía estar máis idéntico ao recordo que conservaba. En canto nos abrazamos deime de conta, sobre todo ao sentir como él me abrazaba. Un abrazo do que non podías desprenderte. Rimos ollando as bágoas escorrentarnos polas meixelas. A Jeffrey podes bicalo, dixo, el non está doente. Estábase contendo, porque morría por bicarme. Tiña unhas lixeiras ronchas rosáceas pola fronte e o pescozo. É o sarcoma que avanza, explicoume. Vai ser o que me mate mais non imos falar agora diso. Non, falariamos doutras cousas e fixémolo abondo e durante moito tempo. Volvemos a entrar de novo na casa de Caldeirería, subimos as escaleiras, asomámonos ao balcón unha vez máis, preparamos café e devoramos cornechos frescos que se nos desfacían na boca. Entoamos o ‘Psycho Killer’ de Byrne disputando as migallas de pan. Aboiamos por rúas dunha cidade gravada a lume na alma irredenta de sabernos uns desterrados, moumeamos algúns nomes como se foran oracións dun breviario infantil. Reclamamos, levantando a voz, cuncas e copas abeirados a barras que frecuentábamos bastante máis que as aulas da facultade envoltos en risos que nos pareceu volver a oír. Repetimos chacotas, anécdotas, brincadeiras. Recordamos situacións e filmes. O Cine Club…, estoupou Tomás, lembras o Cine Club, claro?, no Salón Teatro da Rúa Nova. Foramos ver Novecento. Contáballo a Jeffrey movendo moito as mans mentres recuperaba o fío do que sucedera. Na escena terrible na que Donald Sutherland escacha a cabeza do neno contra unha columna eu púxenme de pé na butaca e berrei: “que maten a ese fascista!”, ti estabas ao meu lado, lembras?  Que maten a ese fascista. Revivín o momento, aquela tarde noite de chuvia e soportais na que saímos á escuridade da rúa procedentes dunha pantalla de campesiños vitoriosos que sementaban ventos de liberdade. Camiñamos deica a praza oceánica de mitos e lendas onde nos conxuramos prometendo que sempre seriamos antifascistas, mentres non deixabamos de reclamar máis auga baixo o diluvio. A semana que pasamos en Ámsterdam foi un ir e vir de auditorios, plateas de televisión e salóns de reunións, de declaración e entrevistas, de manifestacións e actos públicos onde se pedían fondos para investigar, e dereitos e dignidade para os enfermos. Tamén foron días de paseos, de xanelas  observando barcazas amarradas nas canles, de cafés e cigarros, de conversas que pechaban círculos. O avión deles partía unhas horas antes que o meu e acompañeinos ao aeroporto. Abrazámonos e non nos abrazamos, collémonos das mans e non o fixemos, mirámonos aos ollos e xa non estabamos. Eu achegara á súa a miña meixela e bisbáralle no oído: nunca te vou esquecer. Mantivémonos así uns segundos, suficientes para oírlle dicir: enviareiche fotos. Foi entón cando fun consciente de que non lle preguntara pola réflex, pero eles xa estaban lonxe, máis alá da porta de embarque.

Os anos que viñeron a continuación pasaron coma un suspiro. Tomás morreu en San Francisco dous anos despois, en 1994. Non nos volvemos ver e nunca enviou fotos. Continuamos falando por teléfono até que foi incapaz de soster o aparato na man, daquela Jeffrey exercía de intermediario e transmitíalle o que eu dicía. Hai anos tatuei o seu nome nun brazo, teño un fillo que se chama coma él, a única foto que posúo de cando novos que estamos xuntos lévoa sempre comigo. Xubileime de profesor cando anunciaron a chegada dunha pandemia que nos había de ter confinados durante dous anos. Un escenario imprevisible con visos de apocalipses. Un ano despois, en 2021, recibín no móbil unha foto enviada por Santi. Unha instantánea recuperada do interior dalgún libro, caixa ou álbum. Posuía o selo inalterable de estar feita por Tomás. Catro amigos de entón: Federico, Cuscús, Gustavo e Santi saltan ao baleiro desde a pequena altura dun muro diante de San Martiño Pinario. Imaxinei o momento, a Tomás, lercho e enérxico, ordenando como tiñan que colocarse; a el mesmo situándose a uns metros, enfocando, esperando o intre preciso de berrarlles: chimpar!… Fixérono e Tomás conseguiu captar o momento único dos catro impulsándose ao unísono, aboiando no aire como se levitasen sobre a transparencia que os sostén, os corpos en escorzo, os brazos estendidos, as mans abertas, a respiración contida, o pelo alborotado ao vento… Tomás premera o botón  que abría o obturador e deixara impresa para a eternidade unha imaxe que condensaba como ningunha outra a felicidade inxenua de ser como eramos nuns días que, como todos os días de calquera vida, non volverían a repetirse. Pero iso, naquel momento, nin sequera o pensabamos.

Texto en español

Más del autor