Publicidadspot_img
-Publicidad-spot_img
Frontera DigitalA xornalista que sempre estaba na fronte

A xornalista que sempre estaba na fronte

Unha muller intrépida e unha muller asustada atravesan en trineo San Petersburgo unha tarde de decembro de 1917. A temorosa ignora que están a desafiar a nevarada para atoparse cunha figura histórica. A temeraria sabe perfectamente onde van, e quizais matine en que o home co que están a piques de falar está chamado a entrar na Historia, aínda que iso ocorra despois de que lle espeten un piolet na cabeza. Non pasaran dous meses dende a revolución rusa cando a escritora e xornalista Sofía Casanova acordara, en secreto, acudir ao Instituto Smolny, onde se instalara o novo mando vermello, para entrevistar a León Trotski, “o máis interesante dos compañeiros de Lenin”.

“Onde me leva, señora? Mire que aquí vannos matar, a canalla está ben armada e a min xa me treme o pulso”, pregou Josefa López Calvo, Pepiña, que debía estar a esculcar que se lle perdera naquela revolución a ela, unha modesta ama que derivara na sombra da resolutiva Sofía Casanova, unha muller que nacera na outra póla do mundo, en Cecebre, para máis sinais.

Mais alí estaban. Pepa, sentada nun sofá, e Sofía, nunha cadeira. E diante tiñan a Trotski, a piques de comezar a única entrevista que o líder bolxevique concedería a un xornalista español coa revolución fumegante.

Quen raio era Sofía Casanova? Cando se atopou con Trotski xa asinara ducias de crónicas entre elas a da estraña morte de Rasputín, publicara novelas longas e curtas (El doctor Wolski, Sobre el Volga helado ou Princesa del amor hermoso, ilustrada por Castelao en 1909), poemarios (Fugaces, El cancionero de la dicha) e unha obra de teatro, La madeja, que se estreou no Teatro Español que dirixía Benito Pérez Galdós en 1913,  un ano antes de que o amolecido mundo do Antigo Réxime, aquel onde triunfara Sofía, se puxera patas arriba. Tiña sona e prestixio: Antonio Maura, na súa etapa de presidente da Real Academia Español a mesma institución que rexeitou por tres veces a Emilia Pardo Bazán: Juan Valera dixo aquela parvada de que non cabía nas cadeiras de brazos da RAE, encabezaría a lista de escritores e intelectuais que a postularon en 1925 para o Nobel de Literatura. Era políglota, católica, conservadora de mente e liberal de espírito, que o mesmo se carteaba con Murguía que con Unamuno, e que para máis paradoxos confundía o be co uve. Nada na Coruña en 1861 e fendida na infancia pola ausencia do pai un impresor do Ribeiro de verbo poético e mans longas a quen deron por afogado nun naufraxio, tivo unha nai moderna abondo como para alentar o talento da filla e clásica abondo como para trasladar a familia enteira a Madrid para medrar arredor da corte. Para redondear a súa singular biografía namorou dun excéntrico filósofo e nacionalista polaco que se sentía chamado a procrear cunha estranxeira o liberador de Polonia, asoballada entón polos tsares.

Sofía Casanova coñeceu o poeta Wicenty Lutoslawski en Madrid. Ela a súa nai calculou ben impactara de moza nos salóns da aristocracia e xa recitara diante de Alfonso XII, gran amante da poesía. El instalárase en Madrid para estudar o pesimismo da lírica española e portuguesa no posromanticismo debeu ser un temazo. Ela pídelle un autógrafo nun libro, e el escríbelle: “Ti aínda non o sabes, pero serás a miña muller”. O tipo de relación que perfeccionarían groupies e rockeiros no futuro. Casan en Madrid no 1887.

Do matrimonio non nacería o salvador de Polonia, senón tres fillas que tiveron abondo con salvarse a si mesmas da espiral bélica que machucou o seu país no século XX. Unha cuarta meniña faleceu trala negativa do pai, empreñado daquela de correntes orientais sobre o poder das enerxías directas, a recorrer a tratamentos médicos convencionais. A escritora, expón a súa biógrafa Rosario Martínez Martínez, refúxiase en Galicia para sortear a depresión. Nos dous anos que pasa en Mera (1896-98) frecuenta o círculo galeguista da Cova Céltiga, na Coruña, escribe e le a eito e contrata a Josefa López Calvo, unha nai solteira que aleitará a benxamina de Casanova e Lutoslawski, e que será enterrada á beira da escritora no cemiterio de Poznan logo dunha vida común de sobresaltos históricos e que nutriu o cordón umbilical de Sofía coa súa terra de orixe  –entre ambas falaban en galego. Sen dúbida, Pepa ten unha historia.

Nos prometedores tempos que arrincan co novo século axiña despunta a carreira literaria de Casanova. Velaí unha crítica do romance Más que amor, publicado en abril de 1909 e asinada por El abate San Román en El álbum ibero-americano: “Hai tempo que o público anda á súa procura e a aplaude con entusiasmo. As obras de Sofía Casanova son a literatura dun espírito que voa moi alto”. Antes do estoupido da guerra, vai e vén entre Polonia e España. Nunha desas estadías en Madrid, en 1908, xa preto dos cincuenta anos, recibe unha homenaxe na casa da súa amiga, a xornalista e escritora Carmen de Burgos, a primeira en enviar crónicas dende unha fronte a guerra de Marrocos en 1909—, outra desas mulleres decimonónicas que empurraron en prol da emancipación feminina, chamáranse ou non feministas nada tiveron que ver co activismo político da sufraxista Emmeline Pankhurt.

 

Unha intelixencia respectada

Aquela xuntanza madrileña, á que estaban convidados Rubén Darío e Benito Pérez Galdós, desata a morriña de Casanova. “Como era eu física e moralmente nos tempos mozos? Se recollo o que escribiron e me dixeronpoetas e celebridades, eu era… un múltiple encanto sen par! Esaxeracións líricas. O que me fai pensar con pracer en min antes e despois é que políticos e pensadores como Castelar, Cánovas, Moret, Maura e Pablo Iglesias discorrían comigo, escoitábanme, preguntábanme as miñas impresións polos seus discursos no Congreso. Tomábanme en serio, tiñan confianza no meu xuízo e na miña intuición”. Semellantes relacións mantería en Galicia con galeguistas como Murguía, e con autores polacos aos que coñecería no seu país de acollida. Un dos que máis admirou foi Henryk Sienkiewicz, premio Nobel de Literatura (1905) e autor de Quo vadis?, unha novela histórica ambientada en Roma durante a persecución dos cristiáns que servía de metáfora do que estaba a acontecer na Polonia dominada e que foi traducida ao español pola escritora.

Na película A maleta de Sofía (Saga TV), un fake documentary dirixido por Marcos Gallego (Ourense, 1958) sobre a escritora, que conxuga as entrevistas coas recreacións figuradas da biografía, un especialista polaco acusa a Casanova de plaxiar dúas obras de Sienkiewicz e outra do propio Lutoslawski, de quen acabará separándose logo de sucesivas crises “Padece unha psicose circular, xamais poderá Curarse”, escribe nunha carta. Deixar o home debeu de ser unha guerra íntima que Sofía, a cada paso máis relixiosa, librou consigo mesma durante anos. O filósofo polaco acabaría tendo con outra muller un fillo varón. Que tampouco liberaría Polonia.

Na Primeira Guerra Mundial, Casanova, de visitafamiliar en Varsovia, alístase como enfermeira da Cruz Vermella na fronte oriental e escribe para ABC. Ve mortos acotío. Os polacos foxen dos alemáns cara o Leste, malia gobernar alí un imperio detestado.

Os polacos son deses pobos forzados a escoller a miúdo entre un mal grande e un mal maior. A autora galega súmase ao éxodo e, dalgún xeito, accedeu á corte dos Romanov, Rasputín incluído. En 1916 publica De la guerra, unha escolma de textos sobre as súas experiencias bélicas. Xunta o espanto da muller e a desconfianza da xornalista: “Combato as noticias escritas, discuto os feitos que me comunican, pescudo, deduzo, dou exemplos da barbarie de todos… dos raros casos magnánimos nuns e noutros soldados (…) E dóeme o barullo, o receo, a dor de todos e o esforzo que fago equilibrándome, a procura do punto de apoio da verdade na voráxine de nomes, cifras, mortes, martirios, sangre e lapas”. Sorpréndenlle algunhas militancias xermanófilas na prensa española. Descoñecía que os xornais estaban ao servizo de quen lles pagaba, como recolle o historiador Fernando García Sanz en España en la Gran Guerra (Galaxia Gutenberg). Na posición aliadófila do ABC, que ten outros correspondentes por Europa como Julio Camba, Juan Pujol ou Juan José Cárdenas, desmárcase o pacifismo militante de Casanova, que se opón á guerra por atentar contra “leis divinas e humanas”. Nun artigo de 2013, Asunción Bernárdez, directora do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense, sostén que foi “o que hoxe poderíamos chamar ‘pacifista’ porque rexeita considerar razoable calquera postura que defendese a guerra como necesaria para o devir humano”. Na súa ollada pesan a relixión e o xénero. A violencia era un atributo masculino que as mulleres debían condenar. “Estas ideas nas que Casanova basea a súa oposición á guerra hoxe poden parecer conservadoras, porén na época estaban ben lonxe de selo”, engade.

En 1917, cando se afunde o réxime tsarista, está de novo no miolo, tan preto da Historia que un serán nevado de decembro está sentada nunha cadeira escrutando a Trotski. O ruso lémbrase do seu “amigo” Pablo Iglesias e as súas viaxes por España. Logo ondea a bandeira pacifista á que tan sensíbel resulta a súa interlocutora. “O mundo está famento de paz e nós temos a esperanza de que se faga, non só a paz illada de Rusia, senón a xeral”, dille en francés. O discurso calla en Sofía. Malia sentirse no “antro das feras” di que o fanatismo dos tsares foi substituído por outro e observa con desasosego “o odio dos antigos escravos a todas as clases sociais”, aférrase á bandeira branca que ergue o home de melena “revolucionaria”, cellas e perilla “mefistofélicas” que naquel preciso intre, sendo ministro de Negocios Estranxeiros, non podía barruntar que tería que fuxir para salvar melena, cellas e perilla (por un tempo).

Antes de entrevistar a Trotski, Casanova asistira en novembro á loita polo Palacio de Inverno. Observa coma unha curuxa e analiza coma un raposo: as súas crónicas son descarnadas. Non aspira a ser unha heroína, non disimula o medo. “Como na revolta de xullo cando, no medio das balas, un golpe dos que fuxían causoume unha grave contusión nos ollos, sentín o perigo inminente a pouca distancia da miña casa e sen poder entrar nela… Neses minutos supremos o corazón volta cara a Deus, aterrado pola morte, rogando pola vida… Non houbo máis tiros; calou o bruar das masas, e en grupos de oito a dez, dispersáronse os soldados e os cadetes vidos a tomar a ponte. Quedaba dona del a garda vermella, integrada por militares e paisanos (…) O pánico en San Petersburgo é infinito. Díxose tanto mal de Lenin e os seus adictos, que non hai horror nin infamia dos que os xulguen incapaces. Témese o pogrom xeral, a matanza sen perdón. Estou segura que non ha de ser así”. O asalto ao Palacio de Inverno é terrible, con mortos a eito. Mulleres e cadetes mozos entre eles. “O desenfreo, a bestialidade dalgúns rexementos asañouse cos heroicos adolescentes e as mulleres soldados. Dise que moitas foron botadas ao canal da Moika; que prenderon as superviventes nos cuarteis, onde as macela a soldadesca”, conta. Sofía Casanova é a muller que estivo alí cando alí se esnaquizou o vello mundo e o inmutable deixou de selo. Con certa simpatía cara á revolución na primeira andaina malia defender unha orde social xerárquica.

Nunha conferencia que dará no Ateneo de Madrid en 1919 avisa de que “todo abuso de poder enxendra unha xorda rebeldía dos maltratados” e anima a gobernar con perspectiva social: “Aquelas nacións que desarmen a súa carraxe con reformas de equidade social serán as menos ameazadas polo perigo vermello”. Porque Casanova, despois de resultar ferida nun ollo case perdeu a vista por completo durante unhas revoltas e de presenciar a cruenta deriva revolucionaria, afástase da súa benevolencia orixinal.

Cando retorna a España en 1919, logo das súas crónicas sobre a guerra e a revolución, é unha heroína. Sae nos xornais, recibe agasallos, convídana a dar conferencias debeu ser das poucas mulleres que falou para o exército. Coroada coma unha grande. Na seguinte década escribe varios libros de ficción e nonficción (Viajes y aventuras de una muñeca española en Rusia, Episodio de guerra, Princesa rusa, Kola el bandido, El dolor de reinar ou La revolución bolchevista. Diario de un testigo). Casanova estaba por todas partes. Onde se agocha a súa memoria cen anos despois? Nos estudos de xentes como Antón Pazos, ou Rosario Martínez, no filme de Marcos Gallego, nunha antoloxía de pioneiras do xornalismo, nalgunha rúa, nun centro de ensino… nun case nada. As súas pegadas son as dunha faísca que se esvaeceu despois de alumear na noite. Casanova tivo unha vida demasiado grande para merecer agora lembranzas tan pequenas. “Foi esquecida porque estivo onde non tiña que estar, non lle interesaba a un lado nin ao outro. O ABC péchalle as portas cando ela empeza a escribir contra a ocupación nazi na Polonia ocupada. E tamén está penalizada polo seu xénero, normalmente non se reivindican as mulleres»+”, opina Gallego, director e produtor de A maleta de Sofía, a tentativa dende o cine de responder a pregunta de quen é Casanova.

 

Un final demasiado maldito

“A ver que país se permite o luxo de meter nun caixón unha persoa do interese desta”, lamenta a súa biógrafa Rosario Martínez. “É un saco sen fondo. Levo máis de 30 anos investigando a Sofía Casanova e cada día sigo atopando cousas novas”, apaixónase. A democracia xuntounas a ambas. Rosario Martínez traballaba nun instituto de Ferrol que trocou o nome de Camilo Alonso Vega polo de Sofía Casanova cando ser militar e amigo de Franco deixou de ser un valor para converterse nun lastre. “Daquela eu era profesora de Lingua e Literatura e non sabía quen era. Entón empecei a buscar datos e descubrín que había poucas cousas: unha separata de Academia Galega, unha entrada na Enciclopedia Espasa…”. Demasiados buratos arredor dunha muller que escribiu poesía, libros infantís, novelas, reportaxes e crónicas. “Os seus testemuños son incribles. Non me cabe na cabeza é que non estea publicada”. Despois de que a Xunta editase en 1999 a súa biografía Sofía Casanova, mito y literatura, dedicouse a xuntar a inxente obra xornalística de Casanova máis de oitocentos artigos no ABC, aos que se engaden pezas no Faro de Vigo, El Imparcial, El Mundo, Blanco y Negro, Gazeta Polska ou The New York Times!. Malia algunhas pequenas reedicións resulta difícil agora atopar un libro asinado pola escritora galega. Non se beneficiou do mesmo pulo que rescatou o sevillano Manuel Chaves Nogales do esquecemento. “A pesar de que non se estea de acordo co que di, ten un punto de vista que temos que coñecer se somos medianamente científicos. Nos artigos de Sofía Casanova está o máis gordo da historia de Europa da primeira metade do século XX”, defende Rosario Martínez.

Volvamos á súa vida. Nesa década os anos vinte de hiperactividade literaria, Sofía Casanova retorna a Polonia, á fin unha nación ceibe (por pouco tempo). Dende alí alporízase coa proclamación da II República en España. Teme que anticipe unha revolución semellante á rusa. Non ten dúbida ningunha sobre o seu bando cando o fracaso do golpe de estado do 18 de xullo desemboca nunha guerra civil. Apoia a Franco, o garante do mundo no que ela confía, o valo que freará a expansión vermella. A cosmopolita Casanova atopa un interlocutor axeitado: Serrano Suñer, cuñadísimo, bon vivant e mundano. Ten unha péga para unha defensora da causa polaca: é nazófilo de corazón. O século XX, que estaba de novo ás portas doutro sismo e Sofía, por azar ou non, outra vez no epicentro, preparábase para asestarlle o golpe definitivo a Europa. E, ai, fender Polonia, tronzada por dous cordiais inimigos: Stalin e Hitler. Durante anos circulou por Polonia este chiste: “A quen mata primeiro un polaco, a un alemán ou a un ruso? Ao alemán, por suposto; primeiro o deber, despois o pracer”. Cando o führer invade o país, a familia Lutoslawski abraza a resistencia. Os artigos antinazis de Casanova non son politicamente correctos nun xornal oficialista, nun intre en que a ditadura de Franco camiña polo rego de Hitler. Serrano Suñer deixa de estar accesíbel. O ABC péchalle as portas á súa heroína da Primeira Guerra Mundial. Os inimigos non son os mesmos. Ao rematar a segunda gran guerra que veu, Sofía ten 84 anos e máis pobreza da que nunca coñecera. Xa non deixará Polonia, onde recibirá algunhas alegrías en 1952 a Real Academia Galega noméaa académica honoraria e ela distinguirá a institución cun pequeno legado autobiográfico e literario e moitas mágoas falecen Wicenty e Josefa. Quen foi os ollos, e a pluma, dos espantos do século XX, morre case cega. E esquecida. Foi demasiado paradoxal. Non serve de bandeira. Non foi nacionalista en Galicia nin republicana en Madrid nin revolucionaria en San Petersburgo nin nazi en Varsovia. Ninguén pode reivindicala plenamente con fins propagandistas sen airear de paso algo incómodo. Un final demasiado maldito para unha vida tan excepcional.

 

Este texto apareció originalmente en la revista gallega Luzes, que incluimos en este número: Texto original en español.

Más del autor