Publicidadspot_img
-Publicidad-spot_img
Frontera DigitalProcurando o equilibrio

Procurando o equilibrio

Intento acompasar un ritmo respiratorio que non me pertence.
Inspiro consciencia,
expiro preocupación.
Inspiro confianza,
expiro abrumanza.
Inspiro algunha desas drogas alucinóxenas,
expiro unha realidade que supera con creces a ficción.
Inspiro un novo idioma, un novo baile…
expiro a rixidez do cableaxe mental previamente instaurado.

Inspiro necesidades que parecen básicas,
expiro a dúbida de se as necesidades espirituais e creativas non serán tamén fundamentais.
Inspiro intelixencias múltiples,
expiro manipulación.
Elixo (intento?) exercitar a lóxica antes que o pracer. Ou iso creo… polo menos neste intre.
Inspiro apoio e comunidade,
expiro privilexios e comodidade.

Já!

Inspiro a morte,
expiro matanzas.
Rezo por máis mortes naturais, máis mortes naturais, mortes naturais…
Non sentir empatía… tamén nos fai culpábeis?
Cando morreu a avoa non chorei, como Camus.

–Foi unha morte natural–.
Inspiro unha vida desinformada, da que todas somos culpábeis e ninguén é libre.
Inspiro o teatro da morte,
inspiro infancias roubadas, adoptadas, adoutrinadas,
inspiro violacións, torturas, humillacións…
¡Veamos el show de las noticias!
Pero só por uns segundos, non vaia ser que o convertamos en rutina.

Inspiro unha espera máis,
inspiro nomes que non quero pronunciar.
X e Y, Y e X,
evitándoos coma quen evita pronunciar o nome do demo.

Inspiro chanzo arriba,
expiro chanzo abaixo
Nunha escaleira sen fin
Sigo a ollar cara arriba, pero o final non o atopo alí.

Pódome fiar da imaxe?
Da palabra?
Do inmediato?

Expiro.

… o mundo está sempre en crise

 

As historias mudan segundo quen as conta.

Como se escriben? Por que se escriben? Cal é a necesidade de escribilas?

Como é volver dunha guerra? Que sentimentos, pensamentos, perspectivas tomas?

Que muda en ti tras cada experiencia?

Como é vivir escribindo unha constante espera de Godot?

 

Se algo aprendín das persoas en guerra é esperanza e resiliencia, pois sempre contan cara adiante, nunca cara atrás. Para elas, a vida é sempre un continuo avanzar. Para nós, quizais é un retroceso… Pero pouco sei ao respecto, é unha sensación. Seguramente esa esperanza simplemente é unha máscara que tapa un pozo de desolación…

Tristemente, nunca crin moito nesa medicina chamada esperanza. Afortunadamente, bebín dela da man dos meus amigos gazatíes e das persoas que forman parte de distintas asociacións pola Palestina en Londres. E creo que as persoas que vivimos estes conflitos dende fóra, que non os vivimos, tendemos a non ter esperanza. A resignarnos… Porque podemos permitírnolo. Este último ano aprendín que neste lado do mundo moitas veces nos sentimos impotentes, cando en verdade temos moito poder. MOITO. Malia iso, o algoritmo nos leva a facer o contrario. É máis fácil resignarse e facer o teu traballo, como Eichmann, que estar aí informándote, consciente e achegando o teu gran de area.

Banalidade do mal.

Cando leo o traballo dalgúns artistas pregúntome de onde sae tanta poesía e reflexión dende o mirar e escoitar ao outro, no lugar de mirar o propio embigo. E volto a autoconsciencia e a cuestión de por que non me sae das entrañas escribir algo máis político, máis aproximado á realidade do mundo, á realidade social. Sempre dende o eu, inspiro e expiro.

Este texto que escribín onte sae dese mirarse o embigo, do egocentrismo da Marta actriz, reflectindo a miña bagaxe vital sen querelo. Cando creo, o pouco que creo, remata sendo algo bastante xeral e baleiro. Sen mollarse en serio. Despois ven o pensamento contrario… teño dereito de falar dos outros? Que mellor que falar do que me pasa por dentro? Da experiencia directa. Preguntas que se apousentaron na miña cabeza ao longo do meu mestrado en antropoloxía. E contradicións éticas e persoais para as que aínda non teño resposta…

As preguntas sempre quedarán no ar, e a arte, supoño, ten todo o dereito a sostelas e non contestalas… É o primeiro paso… creo.

Obsérvome dende fóra criticando o meu traballo, arte por arte, escrita automática, sen dedicarlle o tempo necesario para procesar, inmediata e superficial. Acorde cos tempos, non?

Conclusión? Quizais non teño moito que dicir, non teño algo tan forte nas entrañas. Quizais a miña contribución está no sostén e no axudar ás persoas que teñen algo que dicir.

 

Texto en español

Más del autor